Búscanse máis de cincocentos activistas para construir “O mundo que queremos”

Deixa un comentario

¿ Qué pasa cando se xuntan cinco ong´s que traballan en cooperación internacional con cinco institutos galegos?  Pois que todo é posible. Dende conseguir becas de transporte para que o alumnado de zonas rurais poda continuar cos seus estudios ( como ocorreu no IES Fonmiñá de Pastoriza o ano pasado) ata programas de radio e exposicións fotográficas ( como fixeron en Carballo) andainas reivindicativas ( como en Silleda)  ou actos públicos de visibilización e denuncia no medio da feira de Cambre ou Laxe. E isto solo durante o pasado curso.

Este ambicioso proxecto de educación para o desenvolvemento ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’ leva xa catro años achegando a realidade dos países do Sur a máis de dous mil mozas e mozos galegos grazas a unión de cinco ong´s: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e o colectivo 100Tolas, que traballan conxuntamente para fomentar una xuventude máis critica, responsable e participativa.

Nesta quinta edición, os centros educativos que se suman a esta aventura son IES Fernándo Wirth e CPR Plurilingue Santa Margarita de A Coruña, o IES Brión, o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o CPR Plurilingue María Inmaculada de Marín, e IES Fomiñá da Pastoriza, que repite.

O alumnado participante coñecerá durante todo o curso as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras e participativas como xogos de rol, obradoiros de radio e fotografía, teatro da oprimida ou a visita ás súas escolas de persoas beneficiarias de proxectos de cooperación.

O proxecto divídese en varias estacións, con paradas moi diferentes, pero todas deseñadas para que ao final do curso o alumnado teña unha visión máis completa, tanto dos contidos que aborda a cooperación internacional como das ferramentas que teñen na súa man para contribuír á loita contra a desigualdade.

Durante este mes de decembro terá lugar a primeira parada de O Mundo que Queremos. Dan man da ONG Educo, achegarémonos aos centros educativos para explicarlle ó alumnado en que consiste o noso proxecto e que esperamos desta aventura. Dinámicas como os xogos de rol facilitarán o debate e a reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible, ou a corresponsabilidade… conceptos complexos, pero que a través de accións lúdicas son máis sinxelos de comprender.

A segunda e terceira parada xa chegarán nos meses de xaneiro e febreiro, cos obradoiros de radio e fotografía impartidos pola ONG AGARESO. Son unha parte central do proxecto porque buscan que os rapaces e rapazas interioricen as problemáticas abordadas a través de ferramentas de comunicación para facelos partícipes da solución a través de accións de denuncia.

No mes de marzo, as compañeiras do colectivo 100Tolas convidarán o alumnado a coñecer a Ana e a súa viaxe a través da metodoloxía do Teatro Foro, unha das técnicas do Teatro da Oprimida. Vivirán con Ana a súa historia e compartirán as dificultades que se vai atopando neste camiño. Para ao final entre todas e todos buscar alternativas ás situacións de opresión que vive Ana só polo feito de ser muller e migrante.

A última parada será no mes de abril coa visita de dúas persoas do sur, que traballan dende os seus paises para transformar a realidade. A  través das súas experiencias vitais e a súa colaboración con proxectos de cooperación realizados pola ONG Asemblea de Cooperación pola Paz, contaránlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade dende as súas comunidades e intentarán desmontar moitos dos prexuízos que existen sobre os países empobrecidos.

A traca final será a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos nos meses de abril e maio. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaborados polo alumnado e convidar ao resto da comunidade educativa a coñecelas.

Parte importante deste traballo é a propia difusión do traballo feito polo alumnado, así que desde O Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que se acheguen aos centros educativos darlle voz aos mozas e mozos, que teñen moito que dicir.

‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Categoría: CPR Plurilingue María Inmaculada, CPR Plurilingue Santa Margarita, IES Brión, IES Castro Alobre, IES Fernándo Wirth

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *