Que facemos

Cooperación Galega: O Mundo que Queremos

Cooperación Galega: O Mundo Que Queremos (OMQQ) é un proxecto de Educación para a Cidadanía Global que ten por obxectivo promover que o alumnado de secundaria sexa consciente da interconexión que existe entre as realidades locais e as dinámicas globais, para fomentar a conciencia crítica e traballar a co-rresponsabilidade que todas e todos temos na construción da xustiza social.

Este ambicioso obxectivo abórdase ao longo de todo o curso académico a través de varias sesións na aula. O proxecto divídese en varias fases, con paradas mensuais moi distintas, pero todas deseñadas para que ao final do curso o alumnado teña unha visión máis completa, tanto dos contidos que aborda a Cooperación Internacional como das ferramentas que teñen na súa man para contribuír á loita contra a desigualdade global y local.
1ª PARADA: DECEMBRO: XOGOS DE ROL
A primeira parada de O Mundo que Queremos achega aos centros educativos a través de dinámicas como os xogos de rol, un debate e unha reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible, ou a corresponsabilidade …conceptos complexos, pero que a través de accións lúdicas son máis sinxelos de comprender. Nesta sesión os alumnos e alumnas coñecen tamén os ODS, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que son o marco conceptual onde se sitúa o proxecto.
2ª e 3ª PARADA: XANEIRO-FEBREIRO: RADIO E VíDEO
A segunda e terceira parada son unha parte central do proxecto xa que buscan que os rapaces e rapazas interioricen as problemáticas abordadas a través de ferramentas como a radio ou o vídeo, e con elas constrúan as súas propias mensaxes e discursos. Pasan deste xeito, de seren consumidores de contidos a converterse en creadores dos mesmos, formando así parte activa do cambio e contribuíndo á transformación social.
4ª PARADA: MARZO: TEATRO DA OPRIMIDA
No mes de Marzo o alumnado participante coñecerá o Teatro Foro, unha das técnicas do Teatro da Oprimida. Os mozos e mozas compartirán coa protagonista, unha muller migrante, as dificultades que se vai atopando no camiño. Ao final entre todas e todos buscarán alternativas ás situacións de opresión que vive.
5ª PARADA: ABRIL: ENCONTRO INTERNACIONAL
A penúltima parada será no mes de abril coa visita de dúas persoas que traballan dende os seus países para transformar a realidade. A través das súas experiencias vitais e a súa colaboración en proxectos financiados pola cooperación galega, contaranlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade dende as súas comunidades, desmontando moitos dos prexuízos que poidan existir sobre os seus países.
6ª PARADA: O ACTO FINAL
No mes de maio ( ou a determinar polo centro), os mozos e mozas presentarán publicamente unha mostra de todo o traballo feito durante o ano. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaboradas polo alumnado e convidar ao resto da comunidade a coñecelas.

O consorcio que fai posible OMQQ está formado por tres ONGD, Solidariedade Internacional de Galicia, a Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), ademais participan como parte do equipo de traballo o Grupo de Teatro dxs Orpimidxs 100Tolas, e a  ONG Educo.

Cooperación Galega: O Mundo Que Queremos (OMQQ) está financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.