Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Seis novos centros educativos construirán o mundo que queren este 2017

Seis novos centros educativos construirán o mundo que queren este 2017

IES Fonmiñá CPI Cabo da Area IES David Buján IES Isidro Parga Pondal IES Pintor Colmeneiro IES Valadares

Este 16 de decembro comeza unha gran aventura para seis institutos galegos que traballarán durante todo o curso nun proxecto educativo que pretende achegar a realidade dos países do Sur a máis de 500 mozas e mozos galegos.

O alumnado participante na cuarta edición do proxecto de educación para o desenvolvemento ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’, terá de coñecer as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén aos seus propio entorno, a través de dinámicas innovadoras e participativas como os obradoiros de radio e fotografía, o teatro foro ou a visita de persoas beneficiarias de proxectos de cooperación ás súas escolas.

As ONG Solidaridade Internacional de Galicia, a Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), 100Tolas e Tempo de Loaira únense neste proxecto para potenciar a educación en valores, combater os prexuízos e contribuír a educar cidadáns máis críticos e propositivos. Os institutos que este apostaron por esta iniciativa son IES David Buján (Cambre, A Coruña), CPI Cabo da Área (Laxe,  A Coruña), IEs Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Pintor Colmeneiro (Silleda, Pontevedra), IES Fomiñá (Pastoriza, Lugo) e IES Valadares (Vigo, Pontevedra).

Este proxecto divídese en varias estacións, con paradas moi diferentes, pero deseñadas para que ao final do curso o alumnado teña unha visión máis completa, tanto dos contidos que aborda a cooperación internacional como das ferramentas que teñen na súa man para contribuír á loita contra a desigualdade.

Na primeira parada que comeza hoxe no IES David Buján de Cambre e o IES Valadares de Vigo achegarémonos aos centros educativos para explicarlles ao noso alumnado en que consiste o noso proxecto e que esperamos desta aventura. Dinámicas como os xogos de rol ou o xogo de cadeiras facilitarán ao alumnado o debate e a reflexión sobre temas como a pobreza, o desenvolvemento sostible, a corresponsabilidade… conceptos complexos, pero que a través de accións lúdicas son máis sinxelos de incorporar para o alumnado. Esta primeira estación será o 19 de decembro no IES Fomiñá de A Pastoriza e o día 20 nos IES Parga Pondal de Carballo e Pintor Colmeneiro de Silleda. Esta primeira fase será elaborada pola ONG Educo.

 A segunda parada xa chegará no mes de xaneiro do 2017 cos obradoiros de radio e fotografía. Parte central do proxecto porque buscan que os rapaces e rapazas interioricen as problemáticas abordadas a través de ferramentas de comunicación e facelos partícipes da solución a través de accións de denuncia. Os obxectivos da segunda sesión destes obradoiros é coñecer mellor os medios de comunicación  e a súa vertente máis social, reflexionar, facernos máis críticos e donos do noso propio discurso, fomentar a creatividade e organizarse para traballar en equipo. Nesta sesión abordaremos a problemática escollida para a aula, trazaremos un plan de acción para conseguir a información, os audios ou as imaxes necesarias para construír o noso produto de comunicación, e formaremos os equipos. Na terceira sesión no mes de febreiro construirase o produto comunicativo para a súa difusión. Esta segunda fase é impartida pola ONG AGARESO.

Na terceira parada no mes de marzo, a través da metodoloxía do Teatro Foro, unha das técnicas do Teatro d@s Oprimid@s, as compañeiras do colectivo 100Tolas convidarán o alumnado a coñecer a Ana e a súa viaxe. Vivirán con ela a súa historia e compartirán as dificultades que se vai atopando neste camiño. Para ao final entre todas e todos buscar alternativas ás situacións de opresión que vive Ana só polo feito de ser muller e migrante. Traballarase a través desta historia o tema do racismo, a inmigración e a desigualdade e a violencia de xénero… problemáticas que o alumnado terá que saber identificar na vida cotiá de Ana, pero sobre todo terá que ser partícipe da súa solución aportando alternativas.

 A última parada será no mes de abril coa visita de dúas mulleres de República Dominicana, que a través das súas experiencias vitais e a súa colaboración con proxectos de cooperación realizados no país caribeño pola ONG Asemblea de Cooperación pola Paz contaránlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade desde as súas comunidades e intentarán desmontar moitos dos prexuízos que existen sobre os países empobrecidos.

 A traca final será a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos no mes de xuño. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaborados polo alumnado e convidar ao resto da comunidade educativa a coñecelas.

‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Últimas novas