Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Coñecer outras realidades non é suficiente se non somos quen de comprendelas.

Coñecer outras realidades non é suficiente se non somos quen de comprendelas.

Unha ollada a outras realidades a través da testemuña dos seus protagonistas facilita esa labor.

A visita de un mozo e dúas mozas de El Salvador a cada un dos centros educativos participantes é un dos momentos máis importantes deste proxecto de Educación para o Desenvolvemento que pretende vincular o local e o global.

Revisar todo o anteriormente visto a través da presenza de Iris Beatriz, Jose Manuel e Jasmine María axudará a descubrir a forza da globalización e a interconexión froito desta. O/as tres son voluntario/as de Radio Tehuacán, unha experiencia de radio comunitaria impulsada por dúas ONGD galegas.

Radio Tehuacán é unha emisora comunitaria da pequena vila de Tecoluca, El Salvador, que loita con todas as súas forzas por converterse nun altofalante da súa comunidade e devolverlle aos seus veciños e veciñas un dereito fundamental, o de poder comunicarse entre eles e co resto do mundo, decidindo ele/as mesmo/as cales son os temas importantes e abrindo os micrófonos á participación cidadá.

A través do proxecto Radio Tehuacán, impulsado por AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e ACPP), dezaoito voluntarias e voluntarios foron capacitados para facer reportaxes, locutar e editar as súas propias notas e crear o seu informativo local. Algo novo para eles, xa que pensaban que ao maximo que podían aspirar era a pinchar as cancións que os seus oíntes lles solicitaban a través do teléfono. Esta non foi unha capacitación formal, senón que en todo momento tentouse que tomen conciencia da responsabilidade que significa ter a súa propia emisora comunitaria, as oportunidades que teñen por diante e a importancia de que sexan suxeitos do seu propio desenvolvemento.

Tres desas persoas voluntarias serán algunhas das caras protagonistas deste proxecto. Yasmin é neste momento a directora de Radio Tehuacán. Aceptou a principios do ano pasado o reto que lle presentou a Xunta Directiva da emisora para dirixir o equipo de voluntariado. Aos seus 25 ano xa é graduada en Traballo Social e está entusiasmada con poder axudar a súa comunidade, desde o seu posto de traballo e desde a súa achega voluntaria. Yasmin non o tivo doado para conseguir que o equipo de 16 persoas voluntarias, a maioría delas homes, confiaran nela e respectaran as súas decisións. Pero con esforzo e tenacidade gañouse o respecto e deu un exemplo de liderado ao resto de mulleres da súa comunidade.

Jose Manuel é un rapaz cun grande espírito de superación que, como el mesmo conta, chegou a Radio Tehuacán en pantalón curto e descalzo con moita máis vontade que coñecementos, só en busca dun lugar onde lle puideran ensinar cousas que a limitada educación oficial non lle tiña ofrecido. Despois de varios anos de esforzo persoal, nomeárono subdirector de programación da canle e é o encargado de supervisar toda a grella. Acode a todas as formacións que se lle ofrecen. É un dos primeiros en chegar á emisora e dos últimos en marchar, a pesar de que ten obrigas familiares que lle piden irse correndo a casa.

Iris é a máis nova do grupo. Rematou este ano o bacharelato e espera poder seguir estudando, sempre que os recursos económicos familiares llo permitan. É unha entusiasta das ondas e disfruta moito falando ante o micrófono. Buscou na emisora comunitaria un lugar onde poder ter o seu propio espazo, coñecer xente e formarse nalgo útil para o futuro. Neste momento contribúe co programa de xénero que emite todas as semanas Radio Tehuacán e leva un programa musical diario.

Últimas novas